Normas do mercado de artesanía

1. Duración e horarios

O mercado terá lugar o sábado 6 de setembro de 2025 de 11.00 a 22.00 horas.

A montaxe farase de 06.00 a 10.00 horas e a desmontaxe a partir das 00.00 horas respectando as normas de seguridade na instalación e montaxe así como as normas en materia de ruído. Se ás 10.00 horas o posto non estivera montado, a organización reservarase o uso dese espazo.

2. Requisitos de acceso

Para entrar no proceso de selección para a colocación dun posto de mercado é preciso ser maior de idade e presentar a seguinte documentación:

A presentación de documentación falsa ou irregular será motivo de exclusión.

Aquelas solicitudes que non veñan acompañadas por algún dos documentos esixidos non serán admitidas.

A autorización para a montaxe dun posto no mercado non é transferíbel, a persoa titular será a responsábel de dita autorización.

As persoas responsábeis dos postos tamén o son da legalidade da súa xestión (actividade profesional, obrigas fiscais e laborais, contratación, seguridade e hixiene, montaxe, mantemento e funcionamento, etc).

3. Recepción de solicitudes

Do 16 de xuño ao 16 de xullo de 2025. A data límite para presentar a solicitude é o 16 de xullo de 2025 ás 14:00 h.

A documentación poderase presentar na oficina da Feira Franca (Departamento de Cultura do Concello de Pontevedra, edificio do Teatro Principal con entrada pola rúa Don Filiberto, Pontevedra) de 10.00 a 14.00 h ou de xeito telemático en https://feirafranca.pontevedra.gal.

4. Criterios de selección

Na selección dos postos terase en conta a orixinalidade, calidade, presentación e elaboración artesanal e non se admitirá a venda daqueles produtos elaborados por procedementos industriais ou moi comercializados.

Primaranse aqueles postos que teñan a cualificación de taller artesanal.

A participación no mercado supón o compromiso de que os produtos á venda sexan elaborados de xeito artesanal.

5. Listaxe de postos admitidos

A listaxe provisional de solicitudes admitidas publicarase a partir do día 23 de xullo de 2025 en https://feirafranca.pontevedra.gal e estará a disposición das persoas interesadas na oficina da Feira Franca.

Abrirase un prazo de 7 días naturais para a presentación de reclamacións.

A partir do 30 de xullo, publicarase a listaxe definitiva de solicitudes admitidas, contra esta listaxe non cabe ningunha alegación.

6. Taxas

Unha vez publicada a listaxe definitiva, os postos admitidos deberán poñerse en contacto coa organización e pagar a cantidade establecida na correspondente ordenanza fiscal dependendo do espazo ocupado, e sempre previamente á instalación do posto. A taxa liquidarase no departamento de Xestión Tributaria do Concello de Pontevedra.

7. Seguro de Responsabilidade Civil

É de obrigado cumprimento para todos os postos de mercado admitidos (tanto alimentación como artesanía) ter un seguro de responsabilidade civil, comprobando que estea vixente o día da feira e que cubra a actividade específica que se vai desenvolver. Deberase entregar á organización copia da póliza e do recibo correspondente.

8. Espazos e ambientación

Lembramos que a Feira Franca é a recreación dunha feira medieval e, por iso, é importante seguir unha serie de pautas e liñas estéticas acordes coa época:

9. Regras de hixiene para o mercado de artesanía

Establecerase un horario de montaxe e desmontaxe de postos para o acceso de vehículos ao recinto do mercado.

Cada participante é responsábel da limpeza e da seguridade interna do seu posto. As persoas responsábeis do posto tomarán as medidas necesarias para non deixar restos de lixo, manchas de graxa, aceite ou similares no lugar que ocuparon.

As estruturas fixas dos postos deberán estar afastadas 3 metros dos xiros das rúas.

Os postos deberán ter, antes das 10.00 h, e nun lugar visíbel o número de identificación asignado pola organización.

Cada participante deberá respectar o espazo asignado pola organización e facilitar en todo momento o paso dos medios de seguridade, colaborando coa retirada dos elementos que dificulten a circulación dos equipos de intervención.

Non está permitida a presenza de animais nos postos.

Iluminación: poderá conectarse ao cadro eléctrico máis próximo só para iluminar o posto. Non está permitida a conexión de aparatos que poidan provocar cortes no subministro eléctrico; as persoas titulares do posto son responsábeis dos danos e avarías que poidan causar.

Só se poderán vender os produtos que foron autorizados.

Os postos ofertarán produtos acordes co espírito da festa e de boa relación calidade/prezo.

A listaxe de prezos non se alterará ao longo do día e deberá estar á vista. Non se poderán cobrar prezos abusivos nin modificar a calidade do produto que se venda.

O cartel da listaxe de produtos e prezos debe facer referencia á existencia de follas de reclamación a disposición do público.

Non está permitido cociñar nin facer lume nos postos.


O INCUMPRIMENTO DE CALQUERA DESTAS NORMAS SUPÓN A EXCLUSIÓN INMEDIATA DA PARTICIPACIÓN NO MERCADO.

A organización resérvase o dereito de facer calquera modificación no mercado así como a anulación deste por cuestións de seguridade ou de forza maior.