Normas hostalaría
Independentemente de que se teña ou non permiso para a instalación de veladores, os establecementos de hostalaría situados na zona da Feira Franca que desexen facer uso do espazo público o sábado 7 de setembro deberán presentar cuberto o formulario de solicitude.
1. Recepción de solicitudes
Do 14 de xuño ao 15 de xullo de 2024 ás 14.00h.
A documentación poderase entregar na oficina da Feira Franca na rúa de Afonso XIII de 10.00 a 14.00 h. ou cubrir a solicitude e presentar a documentación por vía telemática en feirafranca.pontevedra.gal/participa.
2. Documentación que se debe presentar
Formulario de solicitude e aceptación de normas debidamente cubertos e asinados.
Copia do DNI da persoa representante.
Carta de produtos e prezos para o día da Feira Franca.
Copia do certificado de manipulador/a de alimentos (de todas as persoas que vaian desenvolver a actividade).
Esbozos, fotografías, etc. que amosen as dimensións do espazo solicitado, o seu emprazamento e a estética que se lle quere dar para a Feira Franca, descrición de materiais que se van utilizar, vestimentas, utensilios, produtos, etc.
3. Seguro de responsabilidade civil
É de obrigado cumprimento dispoñer dun seguro de responsabilidade civil que estará vixente o día da feira e que cubrirá a actividade e a zona específica autorizada onde se vai desenvolver esta. Deberase entregar á organización copia da póliza e do recibo correspondente.
4. Espazos e ambientación
Non está permitido o uso de vasos, pratos e/ou cubertos de plástico.
A hostalaría admitida deberá pór, antes das 10:00 h, nun lugar visíbel do espazo público que lle fora asignado o número de identificación.
Os locais deben adaptarse ao espazo asignado pola organización (nese espazo colocarán todo o necesario para a súa actividade: mesas, cadeiras, etc) e facilitar en todo momento o paso dos medios de seguridade, colaborando coa retirada dos elementos que dificulten a circulación dos equipos de intervención.
O uso e aproveitamento das terrazas, veladores, etc adaptarase ao autorizado pola organización da Feira Franca e polo tanto pode ser distinto ao do resto do ano, co obxectivo de intentar garantir a seguridade tanto dos locais de hostalaría como das persoas que visitan a festa.
Os locais deberán ter unha ambientación acorde coa festa, tanto no interior coma no exterior: o mobiliario e estruturas deben ser de madeira ou palla; calquera outro material deberá estar recuberto con tecidos rústicos (liño, lenzo, tea de saco…).
En caso de chuvia, os veladores deberán estar provistos dos materiais apropiados para protexerse. Se os materiais fosen de plástico, deberán estar totalmente ocultos.
Deberá ocultarse calquera elemento que resulte anacrónico, e usaranse materiais tradicionais, envases e vaixela adecuada para servir as comidas e bebidas.
Para as bebidas utilizaranse recipientes de barro, cristal ou cartón biodegradábel e evitaranse expresamente as bebidas en envases de plástico ou de aluminio.
Todos os carteis, prezos e rótulos estarán redactados en galego e adaptados á estética medieval.
Todas as persoas que atendan o local vestirán traxes adecuados á época histórica en que se ambienta a festa (segunda metade do século XV).
A música e a animación deben ter unha temática exclusivamente medieval. Calquera outro tipo de música e alteración do espírito da época da festa non estará permitido.
Non se fará publicidade de ningunha marca comercial.
Recoméndase facer unha oferta de produtos gastronómicos e menús acordes co espírito da festa, mantendo unha boa relación calidade/prezo.
A listaxe de prezos deberá estar á vista e deberá ser entregada previamente á organización para ser validada, e non se alterará ao longo do día.
Na listaxe de produtos e prezos farase referencia á existencia de follas de reclamación a disposición do público.
5. Limpeza de espazos
Cada participante é responsábel da limpeza e da seguridade interna do espazo público que lle fora asignado.
Todo local deberá contar cun depósito de lixo acorde coa ambientación da Feira (cestos, sacos…) e farase responsábel do seu baleirado nos contedores municipais.
As persoas responsábeis dos locais tomarán as medidas necesarias para non deixar, ao finalizar a Feira, restos de materiais, lixo, manchas de graxa, aceite ou similares, no lugar público que ocuparon.
6. Regras de seguridade e hixiene para hostalaría
As instalacións deben ser mantidas limpas e en boas condicións para evitar o risco de contaminación dos alimentos.
Todos os establecementos que confeccionan alimentos deberán estar dotados de condicións frigoríficas e equipamentos apropiados para a súa conservación.
Os produtos alimenticios que estean expostos no exterior dos establecementos deberán estar en recipientes apropiados.
Deben vixiarse os alimentos que precisen ser servidos en frío evitando todos os riscos para a saúde.
Os espazos deberán ser dotados de medios eficaces de loita contra incendios.
O persoal do establecemento debe extremar as medidas de hixiene.
Non está permitido que o persoal que se encargue dos cobros manipule tamén os alimentos.
O persoal do establecemento que estea en contacto cos alimentos debe posuír o certificado de manipulador/a de alimentos, que se presentará xunto coa solicitude.
Todos os artigos, aparellos e equipamentos deben ser mantidos limpos e en bo estado de conservación.
Os pratos, cubertos, copas… deberán ser colocados nas mesas ou nos balcóns pouco antes de que se inicie a actividade.
7. Montaxe e horarios
A hostalaría debe estar aberta, como mínimo, o sábado 7 de setembro de 11.00 a 22.00 horas.
A montaxe será realizada na madrugada do venres 6 ao sábado 7 entre as 6.00 e as 10.00 horas e sempre respectando as normas de seguridade na instalación e montaxe así como as normas en materia de ruído. Se ás 10.00 horas o posto non estivera montado, a organización reservarase o uso do espazo adxudicado.
A delimitación do espazo do lume, a protección do lume e o extintor deben estar listos para a revisión por parte dos servizos de seguridade ás 10 horas da mañá do sábado 7 de setembro.
O apagado dos lumes deberá realizarse antes das 24 horas do sábado.
8. Normas de utilización de lume
Os establecementos que queiran facer lume deberán facelo constar na solicitude de participación.
O lume farase no espazo que asigne a organización para ese fin, en cada caso.
Non se pode facer lume debaixo de toldos, instalacións eléctricas ou outros elementos susceptíbeis de arder.
O espazo no que se faga o lume debe estar perfectamente paramentado, impedindo o acceso ao mesmo de toda persoa allea ao cociñado.
O lume debe de estar correctamente illado mediante o uso de pranchas metálicas en tres das catro caras do soporto.
As pranchas metálicas deben estar debidamente illadas pola parte exterior para impedir queimaduras a terceiras persoas.
Todos os establecementos terán no espazo delimitado para o lume un extintor 6 kg eficacia 21 A-113 B ou dous de 3 kg.
Os extintores non poden estar caducados, deben ter pasado todas as revisións e constar co retimbrado correspondente.
A delimitación do espazo do lume, a protección do lume e o extintor deben estar listos para a revisión por parte dos servizos de seguridade ás 10 horas da mañá.
O apagado dos lumes deberá realizarse antes das 24 horas do sábado.
O incumprimento desta normativa de lumes será motivo para o precinto inmediato do espazo autorizado.
9. Actividades complementarias
Todos os establecementos participantes na Feira Franca que desexen realizar algunha actividade especial para ese día, a maiores da propiamente hostaleira, deben poñelo en coñecemento da organización con anterioridade coa fina- lidade de estabelecer as medidas de seguridade necesarias.
10. Exclusión e retirada da instalación no espazo publico
A presentación de documentación falsa ou irregular será motivo de exclusión.
As persoas participantes deben respectar as accións de validación e de supervisión da organización.
En caso de incumprimento das presentes normas, a organización resérvase o dereito de retirar aqueles materiais non permitidos, de dar por pechada a actividade no espazo público e/ou aplicar as medidas sancionadoras pertinentes.
Todos os utensilios confiscados serán devoltos o día laborábel seguinte da feira.
Aquelas solicitudes que non veñan acompañadas por algún dos documentos esixidos non serán admitidas, nin tampouco aquelas solicitudes non asinadas pola persoa responsábel do establecemento de hostalaría.
11. Listaxe de postos admitidos
A listaxe provisional de solicitudes admitidas publicarase a partir do día 22 de xullo de 2024 en feirafranca.pontevedra.gal e estará a disposición das persoas interesadas na oficina da Feira Franca.
Abrirase un prazo de 7 días naturais para a presentación de reclamacións.
A partir do 29 de xullo, publicarase a listaxe definitiva de solicitudes admitidas, contra esta listaxe non cabe ningunha alegación.