Un pouco de historia

Contan os bandos que sucan o tempo e a luz das estrelas que corría o ano 1467 cando o rei Henrique IV de Castela lle outorgou a Pontevedra, daquela a principal vila de Galiza, o privilexio para instaurar un mercado libre de impostos dun mes de duración, quince días antes e outros quince despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomeu.

Foi co fin de lembrar aquela concesión que a comezos do século XXI o departamento de Festas do Concello de Pontevedra decidiu recrear un mercado medieval na Praza da Ferraría, convidando a todos os veciños e veciñas a integrárense na celebración dese fito histórico.

Co transcorrer dos anos, tal foi a boa acollida da iniciativa entre as xentes de Pontevedra, que se fixo preciso estender os lindes do espazo da festa paulatinamente, ata abranguer a totalidade da zona monumental e mesmo algunhas áreas limítrofes.

A Praza da Ferraría mantivo, porén, a súa condición de centro neurálxico, e consolidouse como o lugar escollido para a representación de oficios tradicionais. Pola súa banda, na Praza de Santa María acabaríanse instalando a meirande parte da artesanía, e a alameda e mais a Praza de Curros Enríquez contarían co maior número de postos de alimentación.

E velaquí que a medida que se sucedían as edicións, a cantidade de persoas que se vestían de época e solicitaban participar nas seccións de mercado, hostalería ou de xantares e ceas na rúa era tamén cada vez maior, ata chegar ás máis de 500 peticións da actualidade.

Foi por mor de que a masificación non implicase un deterioro da festa, que se implementaron normas de obrigado cumprimento en cada unha das categorías existentes: Mercado, Hostalaría e Xantares e Ceas. Dese xeito logrouse asegurar que primase a calidade dos postos e mais dos produtos, así como da estética da escenificación. Algo que, sen dúbida, valoran os máis de 100.000 visitantes que se achegaron nas últimas edicións á nosa Boa Vila o primeiro sábado de setembro, día grande da Feira Franca.

Así é que, co acubillo de toda a cidade, dende o ano 2000 facemos unha viaxe no tempo ao noso pasado, mais como todo o universo dos devanceiros non pode abranguerse nun día, a organización decidiu adicar a un tema concreto cada edición.

Xa podemos dicir que visitamos o mundo dos Irmandiños no ano 2006, sucamos o mar do medievo en 2007, homenaxeamos á agricultura ao ano seguinte, cantamos cantigas de Amor, escarnio e maldicir en 2009, acollemos a camiñantes no 2010, lembramos o comercio de antano no 2011, os xogos populares en 2012, no 2013 os inventos, aprendemos astronomía no 2014, centrámonos na alquimia no 2015, gozamos coa música en 2016, imaxinamos bestiarios medievais en 2017 e ideamos lendas en 2018.