Bando Feira Franca XXI

Descarga aquí o bando en formato PDF.

Bando Feira Franca 2022

Na vila de Pontevedra, a 24 días do mes de agosto do ano de MMXXI, estando o Concello, juis, alcaldes, xurados, procuradores e homes bos da vila reunidos en concello por son de campá tanxida, segundo o han de uso e costume, acordaron que no termo da vila amurallada de Pontevedra se celebre Feira Franca, en cumprimento do privilexio concedido polo rei don Henrique IV no ano de MCCCCLXVII.

E outrossi ordenaron que para o bo desenvolvemento da Feira se elaborasen e aprobasen as presentes ordenanzas e que se apregoen publicamente polas prazas e mercados e outros lugares acostumados das vilas e cidades e lugares para xeral coñecemento, e porque todas e todos as saiban e as guarden e delo non poidan pretender ignorancia.

Da feira

Primeiramente mandamos e ordenamos que se celebre a Feira Franca nos días 2 e 3 de setembro do presente ano, que se faga pública en todo o reino e se convoque a ela á vencidade e forasteiros.

Outrossi que as veciñas e os veciños da vila como de outras calesquera partes que viñeren á dita Feira vaian e veñan e estén nela libre e seguramente con todos os seus bens e gandos e cousas e mercadorías que levaren e trouxeren, e que non sexan presos nen detidos, nen embargados, nen lle sexan tomados os ditos bens e mercadorías.

Da apertura da feira

Ordenamos e mandamos que o venres 2 de setembro, véspera da Feira Franca, se celebre a partir das sete da tarde no centro histórico unha grande festa con acompañamento de músicos, danzantes e outros divertimentos. Tamén mandamos e ordenamos que as tabernas da vila ofrezan a degustación de viños e manxares, e que presten especial atención á preparación de produtos mariñeiros nas diversas presentacións: fritidos, asados, salgados, afumados...

Do transporte do viño

Mandamos e ordenamos que o sábado día 3 de setembro se faga a representación da entrada na vila de Pontevedra do traslado do viño do Ribeiro en carros e a lombos de animais polo Camiño Vello de Castela, partindo a comitiva ás 12 horas da parada que hai no camiño cabo do mosteiro de Santa Clara. Ordenamos e mandamos que o traslado se faga coa protección de cabaleiros e alabardeiros do couto de Gondar en Xeve, e que saian os veciños da vila a receber a comitiva e a acompañala.

Do engalanamento da vila e do coidado nas aparencias e nas vestiduras

Outrossi ordenamos que as veciñas e os veciños, as forasteiras e osforasteiros, e as estranxeiras e os estranxeiros que viñeren nestes días á Feira deberán usar as vestiduras, toucados, aduvíos e outros ornamentos que foren de uso e costume enos anos de mil catrocentos.

Tamén demandamos que as veciñas e os veciños da vila engalanen as súas casas con toda clase de ornamentos, cuidando que estes se acomoden aos usos e costumes da época. E aínda ordenamos que se manteñan limpos os camiños e rúas, que se garden os animais nas casas e que se garde o debido decoro e respeito aos costumes que rexen na vila desde tempo inmemorial.

Das comidas e bebidas

Mandamos que as taberneiras e taberneiros da cidade e aqueles que o demanden, poidan vender os viños e viandas acomodándose aos usos e costumes do tempo. Para servir as bebidas e viandas deberán empregarse utensilios e recipientes de arxila, louza ou madeira; como material de embalaxe utilizarase papel, cartón, tecidos e similares, evitándose o uso de plásticos e outros materiais que non foren de uso e costume.

Dos oficios e postos de artesanía

Por mester do privilexio real, convócanse á vila de Pontevedra a todas aquelas persoas que desexaren vender e amosar os seus produtos, así como exercer os seus oficios na Feira Franca. Deberán facelo nos lugares fixados para tal mester polo Concello, e acomodarse ás normas establecidas pola autoridade a tal efecto.

Tanto no mercado como nas pousadas, tabernas e postos de venda de viandas deberá figurar en lugar ben visible a táboa de prezos, que estará escrita en lingua galega, como é de uso e costume, e non poderá alterarse durante a celebración da Feira.

Das xuntanzas das irmandades

Ordenamos e mandamos que se formen Irmandades de mariñeiros, artesáns e labregos, e doutros oficios e mesteres, para defender a cidade dos abusos dos poderosos e das tropelías dos cobizosos, que uns e outros pretenden impoñer a súa lei contra a vontade das xentes e contra o dereito establecido polo costume.

Outrossi mandamos que as Irmandades poidan ir e vir libremente pola Feira, e celebrar festas de confraternidade con acompañamento de músicos e outros divertimentos.

Tamén ordenamos que as veciñas e veciños poidan celebrar xuntanzas das Irmandades nos eirados e prazas que a tal fin se habiliten debendo contar cos permisos da autoridade, e gardar a compostura na ambientación dos espazos que ocupen.

E disto mandamos dar a presente carta, asinada do noso nome e selada co noso selo. Feita na vila de Pontevedra a 24 días do mes de agosto.