Decálogo de boas prácticas

No presente decálogo de boas prácticas resumimos os 10 puntos máis importantes para participar na Feira Franca.

1. Duración e horarios

Deberanse cumprir os horarios que determine a organización para cada categoría.

2. Requisitos de acceso

Para entrar no proceso de selección para a colocación dun posto do mercado, da hostalaría ou de xantares e ceas é preciso presentar a documentación completa. O formulario de solicitude de participación pode ser cuberto en liña no apartado “Participa” desta páxina web a partires do 15 de xuño. Como viña sendo habitual, tamén podedes descargalo en PDF e entregalo, xunto co resto da documentación, na oficina da Feira Franca na rúa de Afonso XIII, ao carón da Biblioteca Pública, entre o 15 de xuño e o 15 de xullo.

3. Recepción de solicitudes

Recibiranse as solicitudes dende o 15 de xuño ata as 14.00 h. do 15 de xullo de 2016, sendo a data límite mencionada inamovíbel.

A documentación poderase entregar na oficina da Feira Franca, situada na rúa de Afonso XIII, de 10.00 a 14.00 h., ou de xeito telemático no apartado “Participa” desta páxina web.

4. Criteiros de selección

Na selección dos postos terase en conta a orixinalidade, calidade e presentación.
No caso das solicitudes de Mercado non se admitirá a venda daqueles produtos elaborados por procedementos industriais ou moi comercializados, así como a revenda. A participación no mercado supón o compromiso de que os produtos á venda sexan elaborados de xeito artesanal.

5. Listaxe de postos admitidos

A listaxe provisional de solicitudes admitidas publicarase a partir do día 20 de xullo de 2016 nesta páxina web e estará a disposición das persoas interesadas na oficina da Feira Franca.

Abrirase un prazo de 7 días naturais para a presentación de reclamacións.

A partir do 28 de xullo, publicarase a listaxe definitiva de solicitudes admitidas; contra esta listaxe non cabe ningunha alegación.

6. Taxas para os postos de Mercado

Unha vez publicada a listaxe definitiva, os postos do mercado admitidos deberán pagar a cantidade establecida na correspondente ordenanza fiscal dependendo do espazo ocupado, e sempre previamente á instalación do posto.

A taxa liquidarase no departamento de Xestión Tributaria do Concello de Pontevedra.

7. Seguro de Responsabilidade Civil para Mercado e Hostalería

É de obrigado cumprimento para todos os postos do mercado admitidos (tanto alimentación como artesanía) así como para a hostalaría, ter un seguro de responsabilidade civil, comprobando que estea vixente o día da feira e que cubra a actividade específica a desenvolver, debendo entregar á organización copia da póliza e do recibo correspondente.

8. Espazos e ambientación

Lembramos que a Feira Franca é a recreación dunha feira medieval e, por iso, é importante seguir as pautas e liñas estéticas acordes coa época.

Os postos deben ser de madeira ou, caso contrario, estar cubertos con tecidos rústicos (liño, lenzo, tea de saco…). Deberá ocultarse calquera elemento que resulte anacrónico (non están permitidas as carpas industriais ou toldos de plástico). Os postos exteriores non se poderán cubrir de papel.

De igual xeito, a louza empregada ha de ser de barro ou madeira, quedando prohibido que aparezan á vista botellas de plástico, latas ou calquera material fóra de época. NON ESTÁ PERMITIDO O USO DE BOLSAS, VASOS, PLATOS OU CUBERTOS DE PLÁSTICO.

Todas as persoas dos postos e mesas de xantares e ceas vestirán traxes adecuados á época histórica da festa (segunda metade do século XV).

A música e a animación deben ter unha temática exclusivamente medieval. Calquera outro tipo de música e alteración
do espírito da época da festa non está permitido.

En caso de chuvia, os postos deberán estar provistos dos materiais apropiados para protexerse. Se os materiais fosen de plástico, deberán estar totalmente ocultos.

9. Lumes e grellas

Os postos que queiran facer lume deberán facelo constar na solicitude de participación. O lume farase no espazo que asigne a organización para ese fin, en cada caso.

Non se pode facer lume debaixo de toldos, instalacións eléctricas ou outros elementos susceptíbeis de arderen.

O espazo no que se faga o lume debe estar perfectamente paramentado, impedindo o acceso ao mesmo de toda persoa allea ao cociñado. O lume debe de estar correctamente illado mediante o uso de pranchas metálicas en tres das catro caras do mesmo. As pranchas metálicas deben estar debidamente illadas pola parte exterior para impedir queimaduras a terceiras persoas.

Os postos terán no espazo delimitado para o lume un EXTINTOR 6 kg EFICACIA 21 A-113 B ou dous de 3 kg.

A delimitación do espazo do lume, a protección do lume e o extintor deben estar LISTOS PARA A REVISIÓN por parte dos servizos de seguridade ÁS 10 HORAS DA MAÑÁ.

O APAGADO DOS LUMES deberá realizarse antes das 24.00 h do sábado.

O incumprimento desta normativa de lumes será motivo para o precinto inmediato do espazo autorizado.

10. Regras de seguridade e hixiene para o Mercado e a Hostalaría

As instalacións deben estar limpas e en boas condicións para evitar o risco de contaminación dos alimentos.

Todos os establecementos que confeccionan alimentos deberán estar dotados de condicións frigoríficas e equipamentos apropiados para a súa conservación.

Os produtos alimenticios que estean expostos no exterior dos establecementos deberán estar en recipientes apropiados.

Deben vixiarse os alimentos que precisen ser servidos en frío, evitando todos os riscos para a saúde.

Os espazos deberán ser dotados de medios eficaces de loita contra incendios.

O persoal do establecemento debe extremar as medidas de hixiene.

Non está permitido que o persoal que se encargue dos cobros manipule tamén os alimentos.

O persoal do establecemento que estea en contacto cos alimentos debe posuír o certificado de manipulador/a de alimentos, que se presentará xunto coa solicitude.

Todos os artigos, aparellos e equipamentos deben ser mantidos limpos e en bo estado de conservación.

Os pratos, cubertos, copas… deberán ser colocados nas mesas ou nos balcóns pouco antes de que se inicie a actividade.

O incumprimento de calquera destas normas supón a exclusión inmediata da participación no mercado ou do precinto do espazo asignado á hostalaría ou a xantares e ceas.

A organización resérvase o dereito de facer calquera modificación no mercado, nos postos da hostalaría ou nos de xantares e ceas, así como a anulación do permiso por cuestións de seguridade ou de forza maior.