1 e 2 de setembro de 2023

Programa Feira Franca XXII (2023)

A Feira Franca XXII celébrase o 1 e 2 de setembro de 2023.

Descarga aquí o programa en formato PDF.

Programa Feira Franca 2023, páxina 1 Programa Feira Franca 2023, páxina 2

Cartel Feira Franca XXII

Descarga aquí o cartel en formato PDF.

Cartel Feira Franca 2023

Bando Feira Franca XXII

Descarga aquí o bando en formato PDF.

Bando Feira Franca 2023

Anos anteriores

A modo de arquivo están dispoñibles para a súa consulta os programas e carteis da Feira Franca de anos anteriores.

Participa na Feira Franca: prazo de solicitude pechado

O prazo para presentar solicitudes para hostalaría, mercado e/ou xantares e ceas está pechado. Estivo aberto entre o 14 de xuño e o 17 de xullo de 2023, ámbolos dous incluídos.

A listaxe de solicitudes admitidas publicarase nesta páxina a partir do día 20 de xullo de 2023 e estará a disposición das persoas interesadas na oficina da Feira Franca.

Abrirase un prazo de 7 días naturais para a presentación de reclamacións.

A modo de consulta, están dispoñibles as normas para as persoas participantes na Feira Franca:

Que é a Feira Franca?

A Feira Franca é, dende hai anos, unha cita ineludíbel para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes que veñen gozar dela, procedentes de todos os recunchos do país e máis alá das nosas fronteiras; un peche apoteósico dos días de verán creado por e para a xente; unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade; unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicas, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros que nos achegan o tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración.

A Feira Franca, que ten lugar na zona monumental da capital do Lérez todos os anos na primeira fin de semana de setembro, toma forma dende o ano 2000 coa organización de diversas actividades lúdicas de raigame histórica, que van dende a representación do transporte do viño ou o imperdíbel torneo medieval, ata os espectáculos de cetraría, tiro con arco, esgrima ou as exhibicións de música e danza que enfeitizan as xornadas do venres a partir do serán e mais de todo o sábado. Pero, sobre todo, o que fai especial e distinta esta festa medieval, declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2013, son os milleiros de persoas que se visten de época para xantaren nas prazas e rúas, en mesas montadas e decoradas por elas mesmas, seguindo as pertinentes normas estéticas e utilizando tan só materiais existentes na segunda metade do século XV, conformando unha obra deleitosa na que o público é tamén actor sobre o escenario da cidade vella.

Así que, xa o sabes: cando a noite se vaia alongando ata durar case tanto coma o día, cando as flores do viño vello compartan mantel cos acios da nova colleita; cando creas que o verán se está indo a acubillar no manto do outono; cando semelle que a festa esmorece e a luz de Sirius se recolle, garda folgos porque está preto o punto culminante da época estival: a Feira Franca de Pontevedra!

Un pouco de historia

Contan os bandos que sucan o tempo e a luz das estrelas que corría o ano 1467 cando o rei Henrique IV de Castela lle outorgou a Pontevedra, daquela a principal vila de Galiza, o privilexio para instaurar un mercado libre de impostos dun mes de duración, quince días antes e outros quince despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomeu. E foi co fin de lembrar aquela concesión que a comezos do século XXI o departamento de Festas do Concello de Pontevedra decidiu recrear un mercado medieval na Praza da Ferraría, convidando a todos os veciños e veciñas a integrárense na celebración dese fito histórico.

Co transcorrer dos anos, tal foi a boa acollida da iniciativa entre as xentes de Pontevedra, que se fixo preciso estender os lindes do espazo da festa paulatinamente, ata abranguer a totalidade da zona monumental e mesmo algunhas áreas limítrofes. A Praza da Ferraría mantivo, porén, a súa condición de centro neurálxico, e consolidouse como o lugar escollido para a representación de oficios tradicionais. Pola súa banda, na Praza de Santa María acabaríanse instalando a meirande parte da artesanía, e a alameda e mais a Praza de Curros Enríquez contarían co maior número de postos de alimentación. E velaquí que a medida que se sucedían as edicións, a cantidade de persoas que se vestían de época e solicitaban participar nas seccións de mercado, hostalería ou de xantares e ceas na rúa era tamén cada vez maior, ata chegar ás máis de 500 peticións da actualidade.

E foi por mor de que a masificación non implicase un deterioro da festa, que se implementaron normas de obrigado cumprimento en cada unha das categorías existentes: Mercado, Hostalaría e Xantares e Ceas. Dese xeito logrouse asegurar que primase a calidade dos postos e mais dos produtos, así como da estética da escenificación. Algo que, sen dúbida, valoran os máis de 100.000 visitantes que se achegaron nas últimas edicións á nosa Boa Vila o primeiro sábado de setembro, día grande da Feira Franca.

Así é que, co acubillo de toda a cidade, dende o ano 2000 facemos unha viaxe no tempo ao noso pasado, mais como todo o universo dos devanceiros non pode abranguerse nun día, a organización decidiu adicar a un tema concreto cada edición; e xa podemos dicir que visitamos o mundo dos Irmandiños no ano 2006; sucamos o mar do medievo en 2007; homenaxeamos á agricultura ao ano seguinte; cantamos cantigas de Amor, escarnio e maldicir en 2009; acollemos a camiñantes no 2010; lembramos o comercio de antano no 2011; os xogos populares en 2012; no 2013 os inventos; aprendemos astronomía no 2014, centrámonos na alquimia no 2015, gozamos coa música en 2016, imaxinamos bestiarios medievais en 2017 e ideamos lendas en 2018.